Estes días está a chegar ás librerías de todo o país, o libro-CD-DVD, 'De roda en roda. Músicas e danzas do mundo', da autoría de tres persoas que levan moito tempo dedicándose ao mundo da danza como son Suso Cancelas, Javier Jurado e Pilar Sampil.
O libro propón unha viaxe arredor do mundo a través das súas músicas e das súas danzas, ofrecendo unha escolma de 21 pezas tradicionais de diversas partes do planeta, cada unha co seu son orixinal. Gravadas no CD con instrumentos propios dos seus países de orixe, son explicadas dun xeito doado no libro e mostradas no
DVD para que ninguén quede sen bailar. O libro, xa que logo, é tamén unha guía e una viaxe xeográfica para quen queira aprender a rodar, a ir en roda, da man dos bailadores e bailadoras que, polo mundo adiante, inventaron pasos cos que lles sorrir á vida.
En días vindeiros iremos ofrecendo para a súa descarga de balde distintos materiais para ir presentando este libro que vén encher un oco editorial importante e que nos fará ver que é doado aprender a bailar. Porque todos os pobos, todas as xentes, todas as épocas, saben do baile.
Polo de agora, imos abrindo o baile con esta pequena mostra desta danza escocesa.