LETRAS GALEGAS 2023
Nesta breve homenaxe a Francisco Fernández del Riego, recóllese unha miúda selección, de entre a súa “oceánica” produción escrita, dalgúns fragmentos onde Compostela é a protagonista, directa ou como marco de acción, agrupados en catro apartados xenéricos: “A descuberta da cidade”, “A Compostela apostólica”, “O Santiago letrado” e “Semblanzas en Compostela”.
Santiago, Compostela, póla florida, inicio e remate de camiños que formaron e conformaron a personalidade dun home que loitou pola idea que tiña dunha terra e unha cultura como centro, a galega, e que se resume nunha frase súa: “Toda a miña vida lla dediquei a Galicia”.
Francisco Fernández del Riego, don Paco (Vilanova de Lourenzá, 1913- Vigo, 2010), dende os anos 30 desenvolveu un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia. Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega.