Edición de Iris Cochón, Francisco Dubert, Alfono Mato e Henrique Monteagudo
Esta escolma dos Cadernos elaborados por Castelao entre 1938 e 1948 pretende facer accesibles ós lectores unhas páxinas ata agora pouco coñecidas do escritor, artista e político rianxeiro. Os textos ptoveñen duns cadernos manuscritos pertencentes ós fondos bibliotecarios da Fundación Penzol, entidade á que lle foron donados por Rodolfo Prada, e comprenden anotacións sobre libros, apuntes literaris e de viaxe, ideas para discursos e artigos e reflexións breves. Os autores da Escolma clasificaron o material dos Cadernos segundo criterios temáticos e cronolóxicos co obxectivo de facilitar e facer máis agradable a súa lectura. Unha primeira parte titulada xenericamente "Cousas" agrupa textos sobre a guerra española, os Estados Unidos, Cuba e Arxentina. Un segundo epígrafe recolle discursos sobre a Guerra Civil. A actividade política do exilio español e a participación galega no Goberno Giral, do que Castelao foi ministro sen carteira, ofreceu material suficiente para se constituir nun capítulo específico desta antoloxía. A continuación, agrúpanse escritos referentes ó mundo da emigración galega, reflexións políticas de diversa índole e, finalmente, reprodúcese a conferencia "Galicia y Valle-Inclán", pronunciada por Castelao na Habana, Nova York e Buenos Aires. Este volume complétase con estudios introductorios sobre o contexto histórico e biográfico no que se produciron estes textos e sobre a lingua neles empregada. A edición desta escolma correu a cargo dun equipo interdisciplinar formado polos profesores Iris Cochón, Francisco Dubert, Alfonso Mato e Henrique Monteagudo, que tamén se responsabilizaron da publicación íntegra dos Cadernos na edición crítica de Sempre en Galiza pratrocinada pola Universidade de Santiago e o Parlamento de Galicia.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista. Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa profesión para dedicarse ás que eran as súas verdadeiras vocacións: a arte e a reivindicación integral de Galicia. A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no xornalismo gráfico, na pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido, no marco do Partido Galeguista, coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica. Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos.
En 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra Ben de Interese Cultural.