Ademais dunha rúa do barcelonés barrio de Horta, Coímbra é un mosaico onde Xosé de Cea vai construíndo, tesela a tesela, a epopea da emigración galega en Cataluña vivida por un neno. Testemuña dun tempo de convulsos cambios sociais que se precipitan tras a fin da ditadura franquista, verá como á transición política se superpoñen outras que condicionarán a súa educación sentimental, e mesmo a de toda unha sociedade.
De a cabalo da Bildungsroman e a novela autorreferencial, De Cea irá tirando da memoria, como fillo da diáspora xarnega, para tecer un relato de iniciación focalizado na desnortada travesía que vai da infancia á adolescencia. Pólvora, libros, desamor, pornografía, delincuencia... Os lectores e lectoras avanzarán a tropezos e puñadas co autor ata decatarse con el de que, ao final, aquela odisea migratoria que sacaría a millóns de homes e mulleres da fame e da miseria acabará deixando como herdanza o desarraigamento, o exilio e a condena.
(Barcelona, 1970) exerce a escrita en diversos ámbitos como poesía, narrativa e xornalismo. Traballou para La Voz de Galicia e o Sindicato Labrego Galego, editando máis de cen números do voceiro desta organización agraria, Fouce. Ademais, colaborou con xornais e revistas como A Nosa Terra, Tempos Novos, Praza Pública, Página Abierta e Soberanía Alimentaria.
A súa obra publicada reflicte esta diversidade. En poesía, Presenza da fenda (I Premio Letras de Cal, 2001), Solsticio de río (accésit no XVI Certame Francisco Añón, 2010), Vilareda (2018) e Versos para alén da ponte (2020). En narrativa infantil e xuvenil: O lume dos soños (I Premio Meiga Moira, 2004), Revolución Detrito (finalista do XII Premio Raíña Lupa, 2019) e En terra rara (finalista do IV Premio Agustín Fernández Paz, 2021). Como xornalista, a crónica Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Baia do MST (2013).
Coímbra é a súa primeira novela orientada a un público adulto.