Rei de Castela e de León entre 1254 e 1284, Afonso X foi tamén lexislador, historiador, científico e poeta. Durante o seu reinado, a lírica medieval en lingua galega coñeceu o seu máximo esplendor. Na súa corte fíxose rodear dun grupo de xograres e trobadores. Desenvolveu unha importante actividade lírica, da que son froito máis de corenta poesías profanas e as Cantigas de Santa María, 427 composicións relixiosas que exaltan a figura da Virxe e os seus miragres.