PREMIO BLANCO AMOR 1998
Alén da desventura, obra que gañou o Premio Blanco Amor en 1998, recolle os relatos dun mariño inglés, Isaac Moore, e dun misioneiro español, o padre Sineiro, e achéganos intrigas e aventuras por terras e mares ignotos na época da Ilustración, xentes e pobos arrastrados polos conflitos entre as grandes potencias navais e debates aínda hoxe non resoltos. Unha trepidante historia trazada con paixón de artesán e co magnífico oficio de narrador de Xavier Alcalá, acompañada agora coas ilustracións dos personaxes máis representativos, realizadas polo recoñecido debuxante Siro, que completan o pracer da lectura dun libro especial que cativa coa fascinación dunha prosa viva e actual.
Sen dúbida, unha gran novela.

(Miguelturra, Cidade Real, 1947) é enxeñeiro de Telecomunicación e doutor en Informática. Criado e formado en Ferrol, amosou cedo a súa vocación literaria en letras de cancións, artigos de xornal e relatos breves. Nos textos longos iniciouse con Voltar, seis personaxes e un fado (1972), ao que seguirían títulos como A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Premio Cidade da Coruña e da Crítica Española, Nos pagos de Huinca Loo (1982), Cárcere verde (1990), Latitude austral (1991), Código morse (1996) e Alén da desventura (Premio Blanco Amor, 1998) Tamén é autor da triloxía Evanxélica memoria sobre os avatares das comunidades evanxélicas en Galicia, constituída polas novelas Entre fronteiras (2004), Nas catacumbas (2005) e Unha falsa luz (2007). En 2012 publicou Verde oliva, novela sobre a revolución cubana contra Batista, e en 2018 The Making of, onde descobre aventuras perigosas e silenciadas da emigración galega na Arxentina. En 2024 volveu a Cuba con A capital do mundo, primeira entrega da Triloxía dos Mayimbes.