Agora non é antes. Ideas para unha revolución tranquila le Galicia doutra maneira.
Combater os clixés, transformar o modo en que nos imaxinamos, abandonar as retóricas da pasividade, enfocar o país dun modo máis plausible, é o que propón este libro.
Galicia está acabando a gran transformación que se produciu no último medio século e, á vez, entrando nun momento crucial da súa historia. Na acelerada e tormentosa inflexión mundial que se está producindo haberá unha nova oportunidade? Sería posible unha revolución tranquila? Sería posible que o fenomenal cambio económico e social que viviu Galicia nas últimas décadas abrise o camiño a unha transformación política e cultural? Sería posible un camiño propio, un modelo de modernización coherente, unha nova narrativa colectiva? Sería posible, indo máis aló, unha Galicia que axude a construír unha España policéntrica e un pacto federal, integrada na UE?

Antón Baamonde (Vilalba, 1959) é licenciado en Filosofía. Ensaísta e articulista, é autor dunha obra onde o literario e o filosófico se funden en libros como Sobre o tempo (1990) e A rosa sen porqué (1997), publicadas en Editorial Galaxia. Heterodoxo de si mesmo, intenta non repetirse, por iso, noutros traballos mirou pola fiestra o que pasaba e debuxou unha visión da sociedade galega: socioloxía a machado cunhas pingas de costumismo e leve ironía.
Diletante e afeccionado ás venalidades e bagatelas, pensa o que pensa, e non o que os demais queren que pense. O seu último ensaio publicado en Editorial Galaxia foi Unha nova Olanda (2021), onde defende que as cidades son “un estado de ánimo”, e propón un modelo de futuro para Galicia baseado na interconexión da súas urbes con Portugal.