Premio de Narrativa Breve Repsol 2008
45 relatos breves dotados dun humor cómplice e dunha fina ironía e adobiados cun erotismo atrevido.
A verdade como mal menor xoga coa literatura e coa cultura, xunta fontes eruditas certas con outras falsas, fai esvaerse a fronteira que separa ficción e realidade, é un engado para a imaxinación do lector. Narrativa que induce á participación, que busca un lector activo e esperta o enxeño. Un libro que provoca o sorriso e escorrenta a compracencia.

Xosé Luís Martínez Pereiro (A Coruña, 1959) reparte a súa actividade creadora entre a literatura e o debuxo humorístico, faceta na que conta co Premio Castelao de humor gráfico. Tras a aparición dalgunhas pezas dramáticas (Tres crimes en busca dunhas labazadas, Guiso de choupa, …), debuta como narrador con Amálgama de desquiciados (1992) e despois publica As irmás bastardas da ciencia (VIII Premio Carvalho Calero, 1999), Breviario de calamidades (1999) e Medición definitiva do limbo (II Premio Cidade da Coruña de literatura fantástica, 2000). Co relato artúrico Palamades e a besta ladradora consegue o X Premio de narracións breves Manuel Murguía, e logo publica A embaixada do vinagre (III Premio Vicente Risco, 2002) e A muller mariña (2003, con ilustracións de Ana Pillado). No 2007, tira do prelo Novas tendencias da vida mansa e, ao ano seguinte, unha Breve historia do pensamento contaxioso.
No ano 2008 gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol YPF coa obra A verdade como mal menor.