Xosé Luís Martínez Pereiro (A Coruña, 1959) reparte a súa actividade creadora entre a literatura e o debuxo humorístico, faceta na que conta co Premio Castelao de humor gráfico. Tras a aparición dalgunhas pezas dramáticas (Tres crimes en busca dunhas labazadas, Guiso de choupa, …), debuta como narrador con Amálgama de desquiciados (1992) e despois publica As irmás bastardas da ciencia (VIII Premio Carvalho Calero, 1999), Breviario de calamidades (1999) e Medición definitiva do limbo (II Premio Cidade da Coruña de literatura fantástica, 2000). Co relato artúrico Palamades e a besta ladradora consegue o X Premio de narracións breves Manuel Murguía, e logo publica A embaixada do vinagre (III Premio Vicente Risco, 2002) e A muller mariña (2003, con ilustracións de Ana Pillado). No 2007, tira do prelo Novas tendencias da vida mansa e, ao ano seguinte, unha Breve historia do pensamento contaxioso.