Presentado o II Concurso de Fotografía sobre Lactación Materna

Categoría: Nova

A Casa do Libro de Vigo acolleu a rolda de prensa de presentación do II Concurso Fotográfico sobre Lactación Materna FEDEGALMA 2010, un certame aberto á participación de todos os interesados e que este ano leva por lema "Pen con pel no mundo". Ademais da Federación Galega de Apoio á Lactación Materna, colaboran no certame a Direción Xeral de Saúde Pública e Editorial Galaxia. Na rolda de prensa participaron Ana Cal por Fedegalma, a Xefa Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra, Ángeles Feijóo-Montenegro Fernández, e o Coordinador de Novos Proxectos de Editorial Galaxia, o escritor Francisco Castro.

Este último explicou que a editorial viguesa, que leva xa preto de dous anos colaborando con Fedegalma, coa edición de fermosos libros de apoio á lactación materna como o escrito por Teresa Moure, 'Eu tamén son fonte', acolleu con grande entusiasmo a súa participación neste certame, para o que prepara a edición dun libro para o vindeiro mes de outubro que conxugará unha escolma das 70 mellores fotografías das que se presenten ao certame, con textos escritos para a ocasión por importantes escritores e escritoras do sistema literario galego. A día de hoxe confirmaron a súa participación Dores Tembrás, Yolanda Castaño, Marta Dacosta, Begoña Caamaño, Ledicia Costas, Román Raña, Eduardo Estévez, Alfredo Ferreiro, Pepe Cáccamo e Francisco Castro.

As bases completas da convocatoria poden consultarse na web de Fedegalma (http://www.fedegalma.org).

Comparte nas túas redes sociais ou por email