O pasado xoves, na Fundación Caixagalicia, promotora do estudo xunto coa Universidade de Santiago, presentouse o volume que recolle unha ampla investigación, froito de varios anos de traballo, arredor da industria cultural galega. No acto participaron, ademais dos directores da investigación, Víctor F. Freixanes e Alberto Meixide, o conselleiro de cultura, Roberto Varela. Entre os participantes do estudo, atópanse algúns dos investigadores e expertos máis destacados do panorama galego como son David Barro, Xosé López, Eloi Caldeiro, Miguel Anxo Fernández, Xosé Ramón Pousa, ou Francisco Campos, entre outros.
O estudo, chamado a se converter nunha ferramenta de traballo esencial para entendermos a globalidade da situación cultural galega, culmina o traballo de máis de tres anos dun conxunto de 17 expertos que realizaron a investigación económica máis exhaustiva do sector cultural galego e do que se tiran algunhas conclusións interesantes, como é a constatación do aumento do número de empresas culturais no noso país. En decembro de 2009, en Galicia había un total de 3.383 compañías rexistradas, mentres que un ano antes contábanse 3.275. Esta diferenza significa un incremento no número do 3,8%. Deste xeito, o 4,7% das compañías culturais de todo estado están radicadas en Galicia. A aparición de novas empresas chegaron grazas á proliferación de entidades dedicadas á creación artística –que aumentaron un 9,4%– e á actividade audiovisual, que experimentou un aumento do 6,04% no seu número de empresas.
No acto, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, sinalou que "é unha obra que podemos dicir que pecha un ciclo e que abre outro. Non sabemos que pasará coa crise, pero hai unha serie de retos para a cultura, que non son outros que a revolución tecnolóxica, a globalización dos mercados, o capital humano e as políticas culturais".