Na mañá de hoxe recibimos a agradable visita de Demetrio Bilbatúa, cineasta nacido en Vigo pero afincado dende a nenez en México onde é considerado unha figura transcendental no seu sistema cinematográfico. Hai anos, aló polo 2005 publicaramos o seu 'Galicia-México. Imaxe máxica', no que o cineasta deitaba a súa interesante ollada sobre o noso país ao tempo que nos achegabamos á súa biografía.
Hoxe, coa maleta cargada de proxectos e de bo humor, visitou a nosa editorial para parolar co equipo editorial, nunha mañá que todos imos recordar como festiva e plena de conversas intelixentes.
Demetrio Bilbatúa, vigués do ano 35, é, sen lugar a dúbidas, un dos documentalistas máis importantes xa non só de México senón de todo o mundo. A súa cámara ten deixado constancia tanto do día a día dos avatares mexicanos como da beleza e xenerosidade xeográfica dese país.
Un galego, coma tantos, dos que triunfan e son exemplo polo mundo.