Nesta presentación do seu último ensaio Andrés Torres Queiruga estará acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Segundo Pérez López, profesor de Teoloxía, Xan López Facal, economista, e Luís García Soto, decano da Facultade de Filosofía da USC.

Galaxia publica en coedición coa Fundación Isla Couto o ensaio Repensar o mal, no que o teólogo Andrés Torres Queiruga aborda o problema do mal desde un punto de vista novo que racha o universo mítico de paraísos e demos para presentar un Deus só pensable como Anti-mal.

A intención de Torres Queiruga neste libro é enfrontar o problema do mal en coherencia crítica coa cultura secular. Para iso, Repensar o mal comeza por desenmascarar o malentendido no que incorren tanto os intentos filosóficos como os teolóxicos ao manteren os antigos presupostos dun intervencionismo divino (ou demoníaco). Insistindo en que todo o mal nace do funcionamento autonómo do mundo e da liberdade, afirma a inevitabilidade do mal.

O autor logra así unha nova figura da teodicea, que rompe o "dilema de Epicuro" e non se resigna ao interdito kantiano do "fracaso de toda teodicea". Desde un punto de vista filosófico e teolóxico (teodicea), este libro "repensa" o problema do mal como inevitabilidade imposta pola finitude.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR