Presentación do premio gañador do Ramón Piñeiro de Ensaio en Ourense

Categoría: Nova

Este mércores, en El Cercano de Ourense, presentaremos o novo libro premiado co Ramón Piñeiro de Ensaio, 'De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo', obra de Santiago Lamas e Alfonso Mata.
Os autores estarán acompañados polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, Pablo Sánchez Ferro, presidente do arquivo provincial e membro do padroado da Fund. Otero Pedrayo, e Carlos Lema, director literario da Editorial Galaxia.
O ensaio premiado nesta décimoquinta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e que publica Editorial Galaxia, trata o tema da viaxe que en 1927 fixeron a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey. Na obra os autores desenvolven unha reflexión profunda e suxerente sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura. O texto dialoga desde a actualidade cunha Galiza europea de inicios do século XX, mediante un estilo aberto e rico que, de xeito ameno, nos interroga sobre os grandes desafíos da Galicia de hoxe.
Santiago Lamas (Pontevedra, 1944), psiquiatra, é autor, entre outros títulos, dos ensaios Notas para una teoría de la realidad (1988), Imarginaciones (1988), Sobre el yo y otros objetos no identificados (1994), Galicia borrosa (2004), Ferrín e outras historias (2007) e Fíos e lecturas (2011) e Fisterras Atlánticas (2012). Foi Premio Fernández del Riego de xornalismo en 2008.
Alfonso Mato é historiador e documentalista. Traballou na Gran Enciclopedia Gallega e no Instituto Galego de Información que dirixiu en Santiago de Compostela Isaac Díaz Pardo. É autor de diversos traballos sobre a historia e a cultura da Galiza contemporánea, como o que lle adicou ao Seminario de Estudos Galegos. Ademáis, ten colaborado en obras colectivas, como a edición crítica do Sempre en Galiza de Castelao ou Ánxel Casal, un editor para un país. Catálogos de Lar e Nós.

Comparte nas túas redes sociais ou por email