Erín Moure é dende o mediodía de onte nova doutora honoris causa pola Universidade de Vigo, que xa fixo entrega da súa máxima distinción a un total de 26 persoas ao longo dos seus case 26 anos de existencia.
A tradutora canadense converteuse onte na segunda muller, tras Lynn Margulis, en recibir o grao de doutora honoris causa, neste caso polo seu traballo a prol da lingua galega e as súas traducións ao inglés de poetisas como Rosalía de Castro, Chus Pato e Lupe Gómez.
"Pola súa innovadora e premiada produción poética, multilingüe e comprometida, polo seu labor como mediadora incansable entre culturas mediante a reescrita e a tradución, polo seu activismo en prol das minorías lingüísticas, étnicas e sexuais, e moi especialmente pola súa contribución á divulgación mundial da cultura galega e pola preservación do noso patrimonio". Por todos e cada un destes motivos, expostos un a un pola profesora Belén Martín Lucas, a súa madriña, Erín Moure é dende onte doutora honoris causa da Universidade de Vigo, a segunda muller que ostenta este cargo na institución. Emocionada e agradecida, a investigadora, poeta e tradutora canadense tivo na súa intervención palabras de lembranza e recoñecemento para todas e todos cantos a axudaron no particular camiño que iniciou hai 18 anos: a aprendizaxe do galego, idioma que dende entón, tras descubrir case por casualidade a existencia dun bisavó emigrante galego, foi incorporando progresivamente á súa obra e a súa vida.
Natural de Calgary, preto das montañas Rochosas, aínda que a maior parte da súa vida transcorreu en Montreal, Moure é a día de hoxe, tal e como lembrou Martín Lucas, unha das poetas máis activas e experimentais no panorama norteamericano contemporáneo, gañadora dos máis prestixiosos premios de poesía internacionais. Precisamente, arredor da poesía vertebrou a súa intervención, un discurso no que defendeu con firmeza o importante papel dos tradutores na sociedade e a necesidade de que a literatura en xeral, e a poesía en particular, se traduzan a idiomas alleos ao inglés. "Xa é algo cando, por exemplo, a poesía de Chus Pato existe no meu inglés. Pero estou aínda máis contenta cando vexo a súa poesía traducida do galego ao búlgaro ou ao holandés, ou ao portugués", subliñou a nova doutora honoris causa da Universidade, ao que engadiu que as conversas que emerxen desas travesías van nutrir a poesía en xeral e "mesmo un día van afectar á poesía en inglés, en xeitos inimaxinables dunha perspectiva actual (e anglófona)".
Seguindo esta liña Moure defendeu que o maior perigo para a poesía actual radica en que a súa existencia quede reducida á tradución inglesa, "ese idioma que absorbe facilmente e que, absorbendo esmaga a cultura, as culturas, reducíndoas en iguais obxectos de consumo nun mundo inglés falante", sen pensar, insistiu Moure, na sociedade de onde vén a poesía orixinal, "e sen abrir paso para outras voces, outras ideas, ideas contrarias que derruban ideas fixas".
A paixón por Galicia e o seu firme compromiso pola posta en valor da súa lingua e cultura impulsaron a Moure, tal e como lembrou a súa madriña, a traducir ao inglés a grandes poetas galegas como Rosalía de Castro, Chus Pato ou Lupe Gómez e hoxe, no seu acto de investidura, esta faceta estivo, como non podía ser doutra maneira máis presente ca nunca: non só cos seus comentarios e reflexións, senón tamén coa lectura dun dos poemas incluídos na súa tradución ao inglés de Follas Novas, New Leaves, Negra Sombra, ao que se referiu como "un dos himnos nacionais de Galicia".