O mércores 30 de novembro, celebrarase, ás 19:30 h, no Ateneo de Santiago de Compostela, a presentación do libro De rosa antiga, de Helena Villar Janeiro.
Acompañando a autora, estarán Marisa Somoza, directiva do Ateneo de Santiago, a escritora Marilar Aleixandre, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
A meu pai, que me deu unhas alas.
A miña nai, que me elevou os pés para alpeirar.
Así comeza adicando a autora a súa obra máis persoal. Celebrando as súas vodas de ouro coa poesía, a escritora Villar Janeiro festexa o seu amor pola palabra co libro De rosa antiga. Unha escolma que recolle a súa obra dende 1972 ata 2022. Velaquí unha mostra significativa do que leva dado de si un talento que se iniciou hai cincuenta anos.
Participou no Colectivo Cravo Fondo (1979), cando as mulleres non interviñan nestas experiencias comunitarias, escribindo un dos primeiro poemas eróticos. Da voz intimista do inicio, a súa obra evolucionou cara a novas temáticas e ritmos, desde a poesía mínima dos inicios, que culminou nos haikus, ata contidos de carácter social ao redor das perspectivas feminista, ecoloxista e solidaria coa dor de todos os exilios.
Este libro recopila a súa evolución como poeta e as claves principais do seu universo creativo.