Galaxia reedita “Mitos e lendas da vella Grecia”, de Anisia Miranda

Categoría: Nova

A edición desta obra contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Cunha primera edición en castelán (Cuba, 1966), e a súa tradución para o galego a cargo de Xosé Neira Vilas (1983), Anisia Miranda ofrécenos, en Mitos e lendas da vella Grecia, dun xeito ameno, didáctico e fluído, unha fermosa selección dos principais deuses e heroes do Olimpo, de antigas crenzas e de lendas que conforman a base da cultura e da mitoloxía da Hélade, alicerce da occidental, coa pretensión de achegala á xente nova nos seus aspectos máis fundamentais.

Un texto divulgativo, ben documentado, sobre a mitoloxía grega, pensado para un público infantil; fabuloso para todo o que queira saber un chisco máis sobre as historias que atesoura o olimpo grego.
Na biografía de Anisia Miranda hai dous momentos que marcan decisivamente o seu percurso vital. O primeiro, cando aos nove anos lle preguntou a seus pais se non tiñan pensando mandala á escola (“¿Es que me van a dejar bruta?”, foron as palabras exactas). O segundo acontece cando lee o artigo “El idioma prohibido”, de Francisco Luis Bernárdez, e decide que tiña que aprender ese idioma, que non era outro que o galego. Entremedias, outro punto de xiro fundamental foi coñecer a Xosé Neira Vilas, e logo casar con el, nunha conferencia sobre Rosalía de Castro a cargo de Suárez Picallo. Os tres feitos teñen lugar, respectivamente, en Cuba, o referido á escola, e en Arxentina, o que ten ver coa descuberta do galego e co encontro co seu compañeiro, Pepe Neira Vilas. Destes dous últimos emerxe o que vai ser o seu terceiro destino vital, Galicia.
Filla de emigrantes ourensáns, estudou Maxisterio e Xornalismo na Habana. En 1953 trasladouse a Buenos Aires, ano en que fundou, xunto con Neira Vilas, a librería-editorial Follas Novas, referente da cultura galega na Arxentina. Traduciu para o galego autores latinoamericanos como José Martí, Rubén Darío e Walt Whitman. En 1961 retornou a Cuba, onde publicou poesía, narrativa, teatro, obras de viaxes e biografías. En 1992 fixou a súa residencia en Galicia, acupándose da vicepresidencia da Fundación Xosé Neira Vilas. Entre as súas obras en galego destacan Mitos e lendas da vella Grecia(1983), Os contos do Compay Grilo (1984), A volta do Compay Grilo (1990), Pardela amiga (1990), A primeira aventura (1991), A casa dos títeres (1993) e A cama, a bolboreta e o paxariño (1998), entre outras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email