Entrega do Premio García Barros a Ignacio Vidal Portabales, na Estrada

Categoría: Nova

O venres 2 de decembro, celebrarase, ás 20 h, no Teatro Principal da Estrada, a entrega do Premio García Barros 2022 a Ignacio Vidal Portabales pola súa obra Illas remotas.
Acompañando o autor, estarán José López Campos, alcalde da Estrada, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Carlos Loureiro, secretario do xurado, Chus Bascuas, presentadora, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
O acto contará coa interpretación musical de Rubén Servide e Henry Villalobos.
Escrita cunha prosa de fino burilado, Illas remotas, Premio García Barros 2022, de Ignacio Vidal Portbales, é posuidora duns diálogos de fulguración reveladora, a narrativa de intensa prospección psicolóxica na que estas páxinas nos mergullan abísmanos no eterno problema da identidade e o seu infindo xogo de espellos e máscaras.
Neste libro, o tempo transcorre vagaroso nun xogo de espellos, máscaras e realidades posibles. As nenas Cata e Luci fuxindo dun pai brután vagabundean sen rumbo polas calellas de Bogotá. Moi lonxe desa existencia terrible, as irmás Catuxa e Lucía deambulan tamén entre as ruínas dos seus fracasos persoais e profesionais e tentan recompoñer a súa relación fraternal. Todas elas, as nenas, as mulleres, asómanse ao precipicio do futuro sen moitas esperanzas, mais unha herdanza cunha obriga inesperada pode vir mudalo todo. Como illas remotas, Galicia e Colombia semellan afastadas, mais os designios do azar, ou non tanto, e os elos invisibles dunha cadea de afectos quizabes rematen por unir estes mundos tan distantes.

Ignacio Vidal Portabales (Compostela, 1958) é profesor titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Neste eido, ademais de numerosos artigos científicos de temática xurídica, escribiu ensaios sobre o dereito da publicidade e mais a sociedade da información. Na súa faceta de narrador, gañou en 2012 o Premio Blanco Amor coa obra Dióxenes en Dolorida (2013) e, en 2019, acadou, con Lara e Sabela, o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey (2020). Tamén é autor da obra O inspector e mais eu (2016) e da novela destinada á mocidade Sangue no dron (2022). Obtivo, así mesmo, varios premios de poesía, tanto en galego coma en castelán.

Comparte nas túas redes sociais ou por email