Presentación de “Quen ten un avó fascista?”, en Melide

Categoría: Nova

O sábado 10 de decembro, celebrarase, ás 19:30 h, no Museo da Terra de Melide, a presentación do libro Quen non te un avó fascista?, de Inma López Silva.
Acompañando a autora, estarán a xornalista Susana Pedreira, e o director do Museo da Terra de Melide, Xosé Manuel Broz.
Publicada na colección Memoria Histórica de Editorial Galaxia, Quen non ten un avó fascista?, é un exercicio de liberdade e democracia. Na novela, inspirada en feitos reais, o personal faise político, poñendo en valor a memoria colectiva.
“Hai unha memoria do 36 que é tamén a da retagarda, a dos sorprendidos, a dos que non lograron ser heroes, a dos oportunistas de supervivencia”. Ese é o argumento que propón Inma López Silva neste libro que oscila entre a memoria familiar, a ficción e o relato histórico a partir da vida do seu avó paterno, alcalde franquista dun pequeno concello rural. A través del, cóntasenos unha historia que se centra nos perdedores e foxe do aspecto heroico que tan a miúdo constrúe a nosa lectura da guerra e a ditadura, retirando o foco daqueloutra maioría que, simplemente, sobrevivía como podía. A vida da familia retratada en Quen non ten un avó fascista? conta dun xeito orixinal a historia política da Galicia da segunda metade do século XX, dando unha explicación aos silencios, temores e vergoñas que, así, se converten en motivo literario de categoría.

A autora propón ás lectoras e lectores, nesta súa obra máis persoal, un relato emocionado co que persegue volver os feitos históricos á realidade diaria das persoas que os protagonizaron sen sabelo, para expresar así a dor real dos dilemas éticos e a necesidade certa de seguir vivindo malia a guerra, a ditadura e a represión.
Inma López Silva. Novelista, ensaísta, crítica teatral e columnista de prensa, é autora dunha ampla obra literaria que foi recoñecida cos premios Xerais, Blanco Amor, San Clemente, Losada Diéguez e Francisco Fernández del Riego. Como narradora, cultivou o xénero breve en libros como Rosas, corvos e cancións (2000) e Tinta (2012), así coma o ensaio feminista en New York, New York (2007), Maternosofía (2013) e o polémico Chámame señora, pero trátame coma a un señor (2018). Tras o éxito de aclamadas novelas como Memoria de cidades sen luz (2007) e Aqueles días en que eramos malas(2016), Galaxia publica en 2020 O libro da filla, Premio da Asociación de Críticos Literarios.

Comparte nas túas redes sociais ou por email