Presentación de “Algoritmos”, en Santiago

Categoría: Nova

O martes 29 de novembro, celebrarase, ás 19:30 h, na libraría Couceiro de Santiago, a presentación de Algoritmos, de Xavier Queipo.
Acompañando o autor, estará Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Queipo volve a sorprender ao público cunha nova novela. Publicada na colección Literaria, Algoritmos é un exercicio de análise, de pensar fóra da norma, de expresar ideas e sentimentos cunhas notas heteróclitas, aloucadas ás veces e excesivamente racionais outras, para construír un relato.
Neste libro, as lectoras e lectores poden atopar unha variada galería de personaxes, lecturas e rememoracións, máis ben pretendidas intimidades intelectuais. Estes algoritmos reflicten dalgún xeito que son os propios algoritmos a ideoloxía dominante neste tempo de dúbidas e incertezas, que temos que apandar con eles, coñecelos e dominalos, mesmo para seguir exercendo o oficio de escribir.
Xavier Queipo (Compostela, 1957) escribe e publica regularmente en galego desde 1990. É autor, entre outros libros, de Ártico e outros mares (relatos, 1990); Ringside (relatos, 1993), O paso do Noroeste (Premio García Barros de Novela, 1996); Malaria sentimental (novela, 1999); Papaventos (novela, 2001); O ladrón de esperma (relatos, 2001); Nos dominios de Leviatán (poesía, 2001), Os ciclos do bambú(relatos, 2003); Glosarios (poesía, 2004); O espello e o dragón (literatura infantil, 2005); Dragona (novela, 2007); Caderno da Revolución Cultural (crónicas radiofónicas, 2007); Saladina (novela, 2007); Felices e diferentes (crónicas radiofónicas, 2009); A illa dos cangrexos violinistas (literatura infantil, 2009); Cartas marcadas (ensaio, 2010); Ártico 2.0 (relatos, 2011), Extramunde (Premio Xerais de Novela 2011), Os kowa (Premio Blanco Amor 2015), Home invisíbel (poesía, Premio Illas Sisargas 2016, 2017), Corazón de manteiga (novela, 2020), Final Feliz (relatos, 2022), Algoritmos (notas heteróclitas, 2022) e, xunto con Ramón Neto, do poemario Minutos para medianoite (2019). Membro do Dichterscollectif van Brussel desde 2007. Premio da Crítica española en 1991, Premio Nacional de tradución 2014, en colaboración) e Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao Autor do ano 2011. Participou en numerosos libros colectivos e antoloxías, traduciu do francés a Amin Maalouf e Hervé Guivert e, do inglés, a Joseph Conrad e James Joyce.