Presentación de “Polos vieiros do fabulador”, en Pontevedra

Categoría: Nova

O luns 28 de novembro, celebrarase, ás 19 h, na libraría Cronopios de Pontevedra, a presentación de Polos vieiros do fabulador, de Álvaro Cunqueiro.
Participarán no evento, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, deputada de Cultura, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Este libro é o resultado dunha escolma de textos de Cunqueiro, que fan referencia á provincia de Pontevedra e ás súas vilas, tradicións, gastronomía e paisaxes. Un paraíso cultural, turístico, paisaxístico e gastronómico que plasmou, de maneira maxistral, o gran fabulador galego, Álvaro Cunqueiro.
O escritor de Mondoñedo agasallounos a todas e todos coa mellor guía de Pontevedra, unha obra imprescindible en calquera biblioteca, que foi sementando por variadas publicacións, que hoxe están recompiladas de maneira conxunta nesta obra. A través dela, podemos realizar unha viaxe pola provincia, guiados pola pluma do autor de “Merlín e familia”.
Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981) dedicouse desde moi novo á literatura e ao xornalismo. Coa súa mestría estilística, o seu libérrimo uso das convencións literarias e a súa capacidade de integración de diferentes tradicións culturais, Cunqueiro anovou fondamente a literatura galega. Da súa obra escrita en galego destacan títulos coma “Merlín e familia”, “As crónicas do sochantre”, “Escola de menciñeiros”, “Don Hamlet” e “Herba aquí e acolá”. Esta última obra foi musicada polo autor Emilio Rúa, en “Novelovento”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email