O xoves 7 de maio, ás 19:00 horas, celebrarase na Fundación Granell, en Santiago de Compostela, a presentación de Volveredes brindar por min. Unha biografía de Begoña Caamaño, de Ana Romaní e María Xesús Nogueira.
No acto participarán as autoras Ana Romaní e María Xesús Nogueira; alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.
Editorial Galaxia publica Volveredes brindar por min. Unha biografía de Begoña Caamaño, unha obra asinada por Ana Romaní e María Xesús Nogueira que afonda na vida, no pensamento e no legado dunha das voz única.
No marco das Letras Galegas, este volume recupera a figura de Begoña Caamaño desde unha perspectiva fondamente humana e plural. A partir de arquivos persoais, conversas, lembranzas compartidas, álbums íntimos, documentación dispersa e múltiples pegadas vitais, as autoras constrúen unha biografía que transcende o relato convencional para converterse nun exercicio de memoria colectiva.
Volveredes brindar por min achega ao público a xornalista que foi Begoña Caamaño, mais tamén as preocupacións que marcaron o seu traballo e a súa visión dos medios de comunicación. O libro permite comprender mellor unha traxectoria comprometida coa palabra, co pensamento crítico e coa realidade do seu tempo.
Escrito a catro mans por dúas amigas e compañeiras de xeración intelectual, Ana Romaní e María Xesús Nogueira propoñen unha ollada nacida da confianza e da complicidade, apoiada ademais na ampla rede de relacións persoais e profesionais que Begoña Caamaño teceu ao longo da súa vida.