Editorial Galaxia publica “Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía”, de María Xosé Porteiro

Categoría: Nova

Galaxia publica Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía, unha obra asinada por María Xosé Porteiro que percorre a traxectoria profesional dunha voz comprometida co oficio xornalístico e coa realidade social do seu tempo.

Este volume recupera a figura de Begoña Caamaño desde a mirada próxima dunha compañeira de profesión e amiga. Ao longo das súas páxinas, reconstrúese un itinerario marcado pola defensa dun xornalismo independente, veraz e cunha fonda vocación social, atento ás realidades laborais, internacionais e culturais.

A obra sitúa tamén no centro o compromiso de Caamaño coa igualdade e cos dereitos das mulleres, unha dimensión clave do seu pensamento e da súa práctica profesional, ligada á súa participación activa no movemento feminista.

Lonxe dunha biografía convencional, o libro propón unha lectura que conecta o percorrido profesional coa súa pegada humana e intelectual, situándoa nun espazo de encontro entre o xornalismo e a literatura.

MARÍA XOSÉ PORTEIRO (Madrid, 1952) é xornalista, escritora e feminista. Traballou en El Pueblo Gallego, Radio Popular, Tiempo, El País, Tribuna Feminista e La Voz de Galicia. Foi xefa de Prensa e Relacións Públicas desde 1984, e concelleira e tenente de alcalde no Concello de Vigo entre 1987-1991 e 2003-2007. Foi tamén deputada no Parlamento galego (nas III e IV lexislaturas) e no Parlamento español (VIII lexislatura).

Entre 2007 e 2009 dirixiu as delegacións da Xunta de Galicia na Arxentina e no Uruguai e, no Consello da Cultura Galega (2014-2022), creou o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). É adxunta á Valedora do Pobo (2019-2026) e conta coa Encomenda ao Mérito Civil e coa Medalla do Parlamento de Galicia.

Publicou ensaio, biografía e narrativa. Entre as súas obras destacan Quen é quen no primeiro Parlamento galego e Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas (1981 e 1982, en colaboración), Covardes (2001), Buscando a Clara (2019), Sándalo (Editorial Galaxia, 2019), Tabiba (2023) e As benfaladas (Editorial Galaxia, 2024).

Comparte nas túas redes sociais ou por email