O mércores 11 de xuño, celebrarase, ás 20 h, na libraría Cartabón de Vigo, a presentación de Vantaxes e inconvenientes de case todo, de Xosé Cermeño.
Acompañando o autor, estarán Ánxel Vence, xornalista, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Editorial Galaxia publica dentro da súa colección Literaria Vantaxes e inconvenientes de case todo, un libro de prosas breves co que Xosé Cermeño convida a mirar o mundo con escepticismo, curiosidade e unha boa dose de humor. Unha obra para quen goza da lectura en pequenas doses, con liberdade para saltar de tema en tema, de lembranza en lembranza, sempre coa sensación de estar a descubrir algo novo.
Cermeño achéganos reflexións sobre libros, cidades, gastronomía, persoas anónimas e figuras ilustres, todo coa súa ollada persoal e irónica, sospeitando que a realidade adoita ser máis complexa, e máis divertida, do que nos contaron. Estas páxinas son tamén unha homenaxe á escritura como ferramenta para reter e iluminar os fragmentos da vida.
O autor, sociólogo e guionista de referencia no audiovisual galego, con fitos como Os outros feirantes, Pratos combinados ou Larpeiros, combina nesta obra a súa experiencia narrativa cunha voz literaria asentada e lúcida. Vantaxes e inconvenientes de case todo confirma que a brevidade pode conter gran profundidade.
Un libro para lectoras e lectores inconformistas, para os que buscan o miolo das cousas ou, simplemente, para quen lle gusta deixarse levar polas páxinas e sorrir mentres pensa.