Francisco Castro publica Eva tomando o sol, unha novela sobre o amor e o desexo na madurez.
Editorial Galaxia publica Eva tomando o sol, a nova obra de Francisco Castro, na que o autor reflexiona sobre o amor, o sexo e a literatura desde a perspectiva dunha idade na que moitas veces se dá por finalizado o desexo.
Nesta novela, un coñecido escritor decide retirarse ao rural galego co propósito de pasar alí os seus últimos días. O que non espera é que o amor, co seu sexo desbordante e a súa forza imprevisible, volva cruzarse no seu camiño e o transforme, corpo e alma. A través desta historia, Francisco Castro aborda cuestións fundamentais como o sentido da vida, da literatura, dos libros e da paixón cando xa se acadou a vellez.
Con Eva tomando o sol, o autor afonda nunha temática pouco explorada na literatura galega: a vivencia do desexo e do amor en idades avanzadas. Porque, como el mesmo sinala, “a paixón e o desexo nada teñen que ver coa idade”.
Esta semana chegará a todas as librarías.
Francisco Castro (Vigo, 1966) naceu no barrio de Teis, en Vigo, en 1966. Dirixiu Editorial Galaxia durante sete anos. Analista político na prensa galega, leva publicados vinte e tres libros, algúns traducidos a linguas como o castelán, éuscaro, catalán, inglés, serbio, italiano e portugués do Brasil.
Como músico, publicou recentemente o seu primeiro disco, Agora é o tempo. Experto nos Beatles, podes seguilo en Facebook e Instagram (@franciscocastroveloso).