Publicada na colección Banda Deseñada, Historias do páramo, é unha historia traballada a dúas mans por Alexandre Senande e Pjota.
Nun territorio devastado pola violencia, onde os bandidos e os señores da guerra impoñen a súa lei, Cairo, unha orca vagabunda, busca sobrevivir nun mundo sen piedade.
Mais todo muda cando, tras unha escaramuza, atopa unha rapaza e decide adoptala. Un xesto que cambiará o seu destino e o de moitos outros.
A partir dese momento, comeza unha viaxe chea de perigo, lealdade e descubrimentos. Porque esa nena que Cairo acolle esperta o interese de forzas escuras que se moven entre as sombras do páramo.
Historias do Páramo é unha novela gráfica de aventuras que mestura acción e tenrura, ambientada nun universo hostil e fascinante. Un relato sobre a supervivencia, a esperanza e os vínculos que nacen onde menos se espera.