Editorial Galaxia publica Croco, un álbum de Irene Alonso Gasalla, ilustrado por Mariña Rey Noya, que pon en valor a amizade e a beleza de ser diferente.
O noso protagonista, Croco, naceu sen un só dente! Un feito tan curioso podería parecer un problema… mais non para el e os seus amigos, que descubrirán que ás veces o que nos fai diferentes é tamén o que nos fai únicos.
Neste álbum ilustrado, cheo de humor, tenrura e cor, Irene Alonso Gasalla cóntanos unha historia fermosa sobre a amizade, a diversidade e a aceptación, acompañada das vivas ilustracións de Mariña Rey Noya.
Un conto moi vexetariano e absolutamente riquííísimo, que enche de alegría cada páxina e deixa un gran sorriso no público lector.
Irene Alonso Gasalla. Naceu en Pontevedra en 1980 e finalizou os seus estudos de Filoloxía Inglesa en Vigo en 2002. Tras desenvolver distintos traballos como docente tanto en Irlanda como en Escocia, en 2008 comeza a exercer o seu labor como profesora de inglés en centros públicos de Galicia. Na actualidade traballa no IES de Soutomaior. Escribiu varios artigos de opinión en revistas de educación e prensa e é autora do conto infantil As Cicatrices do Caranguexo (Xerais, 2021).
En Editorial Galaxia publicou A caca Cuca (2022) e A caca Cuca viaxa a U.K. (2023).