Presentación de “Soldados forzosos”, en Vigo

Categoría: Evento, Nova

O xoves 29 de xullo, celebrarase, ás 19 h, a presentación de Soldados forzosos. A memoria esquecida da Guerra Civil Española, de Francisco J. Leira-Castiñeira, na Casa do Libro de Vigo.
Acompañando o autor, estarán Pilar Mera Costas, Profesora de UNED Madrid, e Carlos Lema, director de edicións de Editorial Galaxia.
Como o aforo é limitado, recoméndase reservar praza no seguinte correo:
vigo@casadellibro.com
O acto contará con todas as medidas de seguridade.
Soldados forzosos é un libro esencial para comprender o pasado e construír o presente. Francisco J. Leira-Castiñeira cóntanos, a través de fotografías, documentos e un detallado estudo, a historia daquelas persoas levadas á forza polos insurxentes a alistarse durante a Guerra Civil Española, cando Galicia se converteu nun importante centro de recrutamento do bando nacional.
Unha contribución que tenta saír dos discursos simplificadores, incidindo en que as guerras non teñen nada de heroico, senón que traen consigo morte, fame e sufrimento. Un libro para comprender este complexo e descoñecido universo a través da forza visual das imaxes e testemuños recollidos.
Francisco J. Leira-Castiñeira (A Coruña, 1987). Doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, actualmente é contratado posdoutoral da Xunta de Galicia no departamento de Historia da USC. Membro do Grupo de Investigación HISTAGRA, foi visiting fellow no Center War Studies-University College Dublin.

Comparte nas túas redes sociais ou por email