Galaxia publica “Viches iso?”, de José Arcas

Categoría: Nova

A colección Lanterna de Aristóteles, de Editorial Galaxia, medra coa nova incorporación do título Viches iso? Un singular percorrido pola vida das aves invisibles, de José Arcas.
Un libro singular, moi intuitivo e ameno que axuda a comprender o mundo que existe ao noso carón. Unha chamada de atención a erguer a cabeza, facendo un percorrido pola vida desas aves que, para nós, son “invisibles”.
José Arcas sintetiza o resultado de máis de trinta anos de traballo, observando, estudando e debuxando aves, nesta obra. A través dun estilo moi próximo, acompañado de ilustracións fabulososas do propio autor, as lectoras e lectores poderán ampliar os seus coñecementos sobre estes curiosos animais, adentrándose nestas páxinas, cheas de cor e coñecemento.
Na costa, podemos atopar unha gran cantidade de aves mariñas que precisan espazos naturais que lles sirvan de acubillo cando crían, cando migran ou cando pasan o inverno.
As cidades, que son unha evolución do que noutro tempo foron as aldeas, acollen aves como as aveloinas, os falcóns peregrinos, ou as andoriñas dos penedos, que conviven canda nós.
Pola súa contra, os cucos, os pardais ou as bubelas, fuxen do balbordo, ofrecendo un espectáculo de cores e diversidade no campo. Desde logo, paga a pena deixarse sorprender pola vida que se manifesta ao noso redor, moitas veces, sen que nos deamos conta. Canto podemos aprender destes seres que voan sobre as nosas cabezas! Elegantes e seguros, fermosamente adornados con plumaxes de todo tipo e cores, son unha marabilla da contorna.
Aprendamos deles e, sobre todo, respectemos a natureza, que tanta sabedoría atesoura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email