O martes 3 de outubro, celebrarase, ás 20 h, na casa do Taberneiro, en Santiago de Compostela, a presentación de Run Baby Run, de Fátima Delgado.
Acompañando a autora, estarán Paula Fernández Seoane, filóloga e profesora; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
A obra Run baby run, de Fátima Delgado, engrosa a colección Teatro de Editorial Galaxia.
Correr, respirar, loitar… é a máxima desta creación que aborda a discriminación de xénero no deporte. Unha reflexión sobre canto se pode chegar a loitar sen traizoar os propios principios.
A protagonista, Alba, é unha atleta que adestra duro para conseguir a vitoria. Vén de gañar unha medalla de ouro no Mundial de atletismo e está no seu mellor momento. Pero a súa carreira verase truncada por unha acusación inesperada. Transita unha encrucillada da que intenta saír para cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser.
A estrea da obra producirase o 6 de outubro en Santiago de Compostela cun elenco encabezado por Alba Loureiro e Camila Bossa.
Fátima Delgado é dramaturga, poeta e actriz. Licenciada en Filoloxía Inglesa con mestrado en Lingüística pola USC, nas súas creacións escénicas o folclore galego convertese en ritual, unha volta á orixe dende un prisma poético e contemporáneo.
Coa súa compañía, Meninas Teatro, escribe e actúa dende 2011 en obras como O tío Florencio (2022), Avón llama a tu puerta (2016), No sin mi libro (2015) e Androsex (2013), e, en La Méduse, compañía fundada xunto a Tatiana Carel, foi asesora dramatúrxica e actriz en Servir (2022), Mi verano en burkini (2020) e Tsunami (2018).
Publicou tres libros de poesía: Ouveos/Aullidos (2020), Ninfopoética (2018) e Vestida de domingo (2011). Cos seus espectáculos de poesía escénica actuou en festivais de poesía de Nova York, México, Madrid, Santiago, Vigo, O Barco de Valdeorras e O Courel.