O xurado define a novela Groenlandia como “un mosaico literario de perfecto encaixe construído a través da intriga, de humor e unha pasarela de personaxes que, sen seren de ningures, sempre ficarán engaiolados nas illas Azores”.
Esta edición foi a máis numerosa da súa historia, con 47 novelas curtas presentadas ao premio, que conta coa participación de máis de 500 obras orixinais en lingua galega desde a seu orixe en 2006.
Groenlandia foi a obra elixida polo xurado como gañadora por maioría da 17ª edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega e, tras abrir a plica, desvelouse que o autor da obra é Francisco Javier Fernández Davila, gañador de distintos premios tanto de poesía como de relatos e novela curta. Esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora do Complexo industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente de Galaxia, Antón Vidal, acompañados por membros do xurado, comunicaron oficialmente a concesión do galardón ao autor. O premio está dotado con 12.000 euros e inclúe a publicación do libro pola Editorial Galaxia.
O xurado desta edición está formado por Marcos Calveiro, director de edicións de Editorial Galaxia; Alberto Ramos, escritor gañador do pasado ano en representación de Fundación Repsol; Inmaculada Otero, filóloga e ensaísta nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Xavier Senín, académico correspondente da Real Academia Galega, e Dolores Vilavedra, profesora de filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
En palabras do xurado, “preséntase en Groenlandia unha novela plena e orixinal que abre dende unha aparente nebulosa para ir concretándose nunha serie de singulares personaxes pendurados nun non-lugar camuflado entre paradisíacas paisaxes”. Destacan da obra que “con mestría e naturalidade, o autor corcose unha historia na que nada é o que semella e ninguén amosa unha soa cara”. A novela defínese como “un mosaico literario de perfecto encaixe construído a través da intriga, de humor e unha pasarela de personaxes que, sen seren de ningures, sempre ficarán engaiolados nas illas Azores”
O Premio Narrativa Breve Repsol: 17 edicións impulsando a creación en galego
O Premio Narrativa Breve leva un labor de múltiples esforzos, asentados na unión de distintas entidades, foi creado no ano 2006 polo complexo industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No ano 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que publicou as anteriores obras gañadoras.
Esta edición foi a máis numerosa da súa historia con 47 novelas curtas presentadas ao premio, que desde a súa orixe en 2006, contou coa participación de máis de 500 obras orixinais en lingua galega. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
O gañador
Francisco Javier Fernández Davila, (Vigo, 1974) é enxeñeiro de Minas e MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo.
En 2016 comezou a escribir en diversos obradoiros de escrita creativa impartidos por Clara do Roxo. Nese ano gañou o 1º premio de poesía no I Certame de Enxeñería Sen Fronteiras e os segundos premios no X Certame Literario Terras de Chamoso de poesía, así como o de relato no XLIX Concurso Literario Casino Ateneo de Béjar coa súa obra “Aliento de Bronce”.
No 2017 gañou o XVII Certame de Novela por Entregas de La Voz de Galicia con A senda de sal, publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Literaria. Tamén resultou gañador do Concurso de Relato Curto “A Cividade” de Mos, co relato “O Premio”; e do V Concurso Microcatrorelato, con “As balas de Koch” e o XIV Concurso “Dillo a quen maltrata” do concello de Lalín, por “Radiografía da Parroquia”.
No ano 2018 obtivo o 1ºPremio de Relato Curto da Universidade de Vigo, con “K.A.R.M.A.“, e resultou tamén vencedor do XVII Certame Antón Avilés de Taramancos, en Noia, o que implicaba a publicación da sua segunda novela curta Alana. Nese mesmo ano gañou tamén o 1ºPremio no VI Certame de Poesía en lingua galega Manuel María da Casa de Galiza de Guipuzkoa con “Trashumantica”.
No ano 2019 foi galardoado co 1ºPremio do XVII Certame de Relato Curto Concello de Mugardos co texto titulado “O Mendigo“. Tamén gañou o XII Premio de Poesía Victoriano Taibo, o que implicou a publicación do seu primeiro libro de poesía “Mover os Marcos” e recibiu o primeiro premio no XXXIII Certame de Poesía Rosalía de Castro de Cornellá por “Poemas d aeroporto”.
No ano 2020 gañou o Premio de Poesía Concurso de Relatos y Poemas “Letras Con Morriña” de Arxentina, declarado de interese cultural da cidade de Buenos aires, co poemario en galego e inglés “Puerto Deseado”. Recibiu o segundo premio no IX Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro por “miCROrREtRaTOs”. No 2021 gañou o XI Concurso de relatos de inspiración científica -Inspiraciencia- co seu relato Lúa Negra, e levou o segundo premio no XV Certame Literario Terras de Chamoso por Rexina.
No 2022 foi premiado no XIX Certame Literario Concello de Ames de narrativa por “A extinción dos homes”, primeiro premio no VIII Certame de Poesía María Mariño de Teo por “The walking verses ou o ataque dos poemas zombis” e segundo premio no VI Certame Vilarinhas. Tamén resultou gañador do XXXVI Certame Internacional de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro de Cornella, con “Incendios”.
No 2023 gañou o VIII Premio de Novela Curta Antón Risco por Primavera e acadou o IX Certame Poético Rosalía de Castro do Concello de Padrón, por kovtpost3la e o 1ºpremio de poesía no XX Certame Literario de Ames por ”Sobre as linguas en Comala”.