Eva e Lucy é o novo libro de Cris Pavón, unha obra conformada polo relato das dúas mulleres protagonistas, nai e filla, que amosan e agochan as súas estratexias para vivir, para loitar por un lugar no mundo, para acougar a dor.
Con que mestura de voces damos sentido ás existencias? Pavón comparte unha historia formada por camiños na evolución e camiños en Compostela. Migracións e peregrinacións, sendas que nos conduciron ás palabras e outras que nos fixeron calar. Un debullar nas biografías de antecesores próximos e remotos, unha pescuda da construción da identidade e da memoria. E o seu esboroar.
Andar, facer, falar. Unha obra imprescindible que xa está en todas as librarías de Galicia.
Cris Pavón (A Coruña, 1962) foi profesora de Informática en Formación Profesional. Autora das novelas Limiar de conciencia (2012) e Sangue 12 (2014) e do libro de relatos Á busca da orixe perdida das especies (2015, premio Ricardo Carvalho Calero de Creación Literaria 2014), tamén colaborou nos libros colectivos de relatos Longas sombras na pedra (2019) e Obras breves de imaxinación (2011).
Recibiu, entre outros, o Premio de Relato Curto Liceo de Noia (2008), o Premio de Relato da Asociación Mulleres Progresistas de Vigo (2009) e o Premio no Certame Nacional de Narracións Breves Modesto Figueiredo 2013.