Presentación de “O paso do Noroeste”, en Vigo

Categoría: Nova

O xoves 5 de outubro, celebrarase, ás 18 h, no espazo Banda Deseñada, no Calvario de Vigo, unha sinatura arredor de O paso do Noroeste, de Xavier Queipo e Primitivo Marcos.

Ás 19:30 h, celebrarase, na Casa del Libro, unha presentación arredor do mesmo título. Os autores, estarán acompañados por Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Ás 20 h, inaugurarase, en RioLagares, unha exhibición arredor do proceso creativo da obra, con todas as etapas da ilustración, de Primitivo Marcos.

A Editorial Galaxia presenta un novo volume da súa colección de Novela Gráfica: a épica travesía do navío L’Épée dende Brest a badía do Hudson narrada coa mestría dos clásicos por Xavier Queipo en O paso do Noroeste, Premio García Barros, 1996, agora adaptada ao cómic polo debuxante Primitivo Marcos.

O periplo desta expedición científica que procura polo mítico Paso do Noroeste convértese nun relato clásico de aventuras, treboadas, esquimós, monstros mariños, frío, penurias, naufraxios, pero tamén en algo máis, o choque das novas ideas ilustradas republicanas coas do Antigo Réxime e a propia viaxe interior do seu protagonista o capitán Duchesnoy.

O debuxante Primitivo Marcos pon en imaxes esta aventura transoceánica co pulso firme e a mestría dos clásicos do cómic franco-belga como Herge, Jacobs ou Bouergeon. Un traballo minucioso e detallado en que barcos, maromas, velames, o mar bravo e a flora e a fauna destas terras incógnitas son ilustradas coa precisa mestría da súa plumiña.

En fin, unha viaxe digna de ler e desfrutar, na que ademais queda perfectamente retratada a condición humana ante as circunstancias tan adversas como as longas travesías oceánicas do século XVIII. Así que, vento nas velas! Levantemos áncoras!

Comparte nas túas redes sociais ou por email