Presentación de “Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés 1939-1946”, de Juan Galán

Categoría: Nova

O venres 13 de febreiro, ás 20 h, a Alianza Aresana, en Ares, acollerá a presentación de Rotspanier. Un miliciano galego no exilio francés 1939-1946, de Juan Galán.

Nesta obra, Juan Galán reconstrúe a peripecia vital de Joaquín Fernández Millán, mariñeiro da Pobra do Caramiñal que, tras emigrar ao País Vasco na década de 1920, loitou como miliciano no Exército de Euskadi. En febreiro de 1939, como milleiros de republicanos, cruzou os Pireneos cara ao exilio francés. Alí foi internado en campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial e forzado a traballar en compañías de traballo (CTE e GTE) baixo o Goberno de Vichy e, máis tarde, para a Organización Todt, na construción do Muro Atlántico na zona ocupada polos nazis.

Rotspanier é un traballo de grande interese pola información que achega sobre os chamados “Rotspanier”, os republicanos que fuxiron do franquismo e acabaron atrapados na maquinaria do nazismo. Trátase do primeiro traballo de investigación histórica de Juan Galán (A Coruña, 1961), investigador da memoria republicana en Galicia e vogal da xunta directiva da Asociación de Memoria Histórica Democrática de Ferrolterra.

No acto de Ares acompañará o autor Alma Barrón, concelleira de Cultura.

Ademais, o xoves 26 de febreiro celebrarase unha segunda presentación no Ateneo Ferrolán. Nesa ocasión, xunto a Juan Galán, intervirán Virginia Fernández, neta do biografiado, e Enrique Barrera Beitia, historiador e secretario da Asociación de Memoria Histórica de Ferrol.

Comparte nas túas redes sociais ou por email