Celebramos o primeiro acto arredor das Letras Galegas 2026

Categoría: Nova

O xoves 12 de febreiro, ás 19 h, celebrarase, na Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas, en Vigo, o primeiro acto editorial arredor da celebración das Letras Galegas 2026: a presentación de A nena que perdeu un zapato na lama, de Ramón Nicolás, ilustrado por Carlos Gallego.

No acto participarán o autor e o ilustrador, acompañados por Abel Caballero, alcalde de Vigo, e Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia.

Galaxia publica A nena que perdeu un zapato na lama. Begoña Caamaño no Calvario vigués (1964–1976), un libro que propón unha lectura pouco ortodoxa da infancia dunha das autoras máis singulares da nosa literatura. Publicado na colección Xohán Ledo, o volume mestura memoria, biografía, historia e ficción para reconstruír, a través da voz de Morgana, os primeiros anos de vida de Begoña Caamaño no barrio vigués do Calvario.

A nena que perdeu un zapato na lama permite comprender as raíces da súa obra posterior, marcada pola atención ás voces silenciadas, a relectura do mito e a vontade de pensar o mundo desde outros puntos de vista.

O xoves 19 de febreiro, ás 11 h, celebrarase no Salón de Actos do IES Castelao, en Vigo, unha homenaxe a Begoña Caamaño, na que tamén se presentará o libro de Ramón Nicolás. O autor estará acompañado por Beatriz Caamaño, irmá da escritora; Maika Aguado, amiga da homenaxeada no Día das Letras Galegas; Su Garrido, música; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

No catálogo de Galaxia, a obra de Begoña Caamaño ocupa un lugar central, con títulos xa imprescindibles como Circe ou o pracer do azul ou Morgana en Esmelle. Este novo libro vén completar ese percorrido, ofrecendo unha oportunidade para volver á orixe e comprender mellor o ronsel de talento e compromiso que deixou tanto nas persoas que a coñeceron como nas lectoras e lectores que seguen a descubrir a súa obra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email