A cultura galega recibiu hoxe a noticia da norte dunha das súas súas voces máis sólidas e comprometidas. Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), filólogo, ensaísta e investigador, desenvolveu unha traxectoria exemplar ao servizo da lingua, da memoria democrática e do pensamento crítico.
Licenciado en Filoloxía Románica e doutor pola Universidade de Salamanca, desenvolveu unha ampla carreira docente que culminou coa cátedra de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, da que foi catedrático emérito. Membro de número da Real Academia Galega desde 1993, presidiu a institución entre 2013 e 2017.
Foi pioneiro na análise sociolingüística do galego con obras como O porvir da lingua galega (1968) ou Informe –dramático– sobre la lengua gallega (1973), nas que denunciou a exclusión social do idioma e defendeu a súa recuperación. O seu labor investigador centrouse tamén na literatura da II República, a guerra civil, o franquismo e o exilio, con títulos como As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane, Os escritores galegos ante a Guerra Civil española. 1936-1939, Laio polo irmán ausente. Castelao no epistolario de Otero Pedrayo e outras voces (Galaxia, 2006) e Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, entre outros.
Biógrafo e estudoso de figuras esenciais como Curros Enríquez, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro e Rosalía de Castro, combinou a investigación coa divulgación, a creación literaria e o xornalismo de opinión, ámbito no que destacou coa súa columna semanal Beatus qui legit.
Presidente do Foro pola Memoria Republicana de Galicia e merecedor de numerosos recoñecementos —entre eles o Premio Cultura Galega das Letras (2019) e o Premio da Memoria Democrática concedido polo goberno de España (2023)—, Xesús Alonso Montero deixa unha obra imprescindible para comprender a historia cultural e política de Galicia.
Desde Editorial Galaxia expresamos o noso fondo pesar pola súa morte e reivindicamos o seu legado como parte esencial da nosa tradición intelectual.