Acompañado de Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, de Jorge Abal, presidente do Liceo Pueblense, e do profesor Xesús Laíño, presidente da asociacion cultural Barbantia, o escritor Antón Riveiro Coello presentou entre os seus paisanos a súa última novela: unha historia ambiciosa, coral, que percorre o século XX e aborda cuestións candentes e de gran actualidade: a identidade, a culpa, a memoria histórica…
A novela está dividida en catro partes e percorre distintas cidades do mundo. Empeza en Barcelona e remata na Pobra do Caramiñal, onde se reencontran algúns dos seus protagonistas. Nova York e os campos de concentración da represión nazi (o holocausto) na Segunda Guerra Mundial, son outros escenarios da trama, que introduce distintas voces, distintos narradores, para tecer un universo propio, emocionante, ás veces estarrecedor, sempre conmovedor, que non deixa indiferente aos lectores. De feito, o libro está xa nas listas de títulos máis vendidos nas librerías galegas durante estas últimas semanas.
"A crítica está a ser moi cariñosa comigo", declarou o autor. "Pero a voz última téñena sempre os lectores. Eles son os que lle dan sentido á narración e os que xustifican a literatura. Durante case cinco anos traballei afervoadamente neste texto, que non dubido en recoñecer entre os máis ambiciosos da miña produción literaria. Quixen presentalo aquí, á beira do mar de Arousa, porque este é un dos escenarios que inspirou o relato e aquí están algúns dos amigos que máis me axudaron a construilo".
Unha novela que intenta explicar un tempo histórico e que, dende a peripecia persoal dos protagonistas, nos transporta ao longo do século XX. Son varias xeracións as que actúan: o maquis, a guerra civil, a Segunda Guerra Mundial, a emigración, o cárcere, o exilio… Pero tamén o amor, a amizade, a lealdade aos devanceiros, as palabras secretas que agochan o pasado, a forza da vontade, cun alento final de esperanza que non decepciona. Sen dúbida, un dos mellores textos literarios da narrativa galega deste século.