Solemnemente, rodeado de familiares e amigos, cunha ampla representacion da vida cultural, política e académica, Henrique Monteagudo Romero, filólogo, especialista en sociolingüística, autor de Galaxia e codirector da revista GRIAL ingresou con todos os honores na primeira institución da nosa cultura, fundada por Manuel Murguía en 1905, cun discurso sobre o presente e o futuro do idioma, ao que respondeu a académica Rosario Álvarez Blanco.

"O futuro do idioma galego está profundamente vencellado ao proxecto de futuro que sexamos quen de darlle ao noso país. Unha responsabilidade de todos, non só dos especialistas, non só dos intelectuais, non só dos partidos políticos, senón do conxunto da sociedade, homes e mulleres conscientes da significación dun activo tan importante para un pobo como é dispoñer de idioma de seu", apuntou o novo académico.

"O futuro do idioma está nas mans dos homes e mulleres de Galicia, dos que o falan e mesmo dos que, aínda sen falalo, o consideran patrimonio fundamental da nosa identidade e da nosa historia", engadiu. "Os pais e as nais han saber transmitilo aos fillos e aos netos. Os políticos teñen a responsabilidade de dotalo de recursos para a súa recuperación. A escola debe incorporalo de xeito activo e inequívoco, para facelo normal, como lingua de uso e vehículo de coñecemento. Pero é a sociedade no seu conxunto, a través das súas institucións públicas e das súas institucións civís, quen debe garantir ese futuro, que nos afecta como pobo, moito máis nestes tempos difíciles de discurso neoliberal, ideoloxía darwinista e globalizacion".

Un discurso fundamentado nos coñecementos da sociolingüística e nos datos actualizados de estudos sobre a situación actual da lingua, que non está a atravesar os seus mellores momentos, logo dun tempo de ilusión (a Lei de Normalización Lingüística, 1983), ameazada polo desánimo e sometida a loitas partidistas que non favorecen o seu avance social. Un discurso comprometido que escoitaron as primeiras autoridades do país e as instancias académicas.

Rosario Álvarez Blanco, que contestou as palabras do novo académico, insistiu na mesma idea, avogando por unha necesaria alianza social e un compromiso activo e moderno coa significación que o idioma ten para o país. "Sen proxecto de país, cara ao seu desenvolvemento e modernidade, non hai proxecto para o idioma. Tal foi o compromiso dos devanceiros e tal é o compromiso que nos toca asumir nesta entrada do novo século".

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR