O martes 30 de xaneiro, celebrarase, ás 18 h, na Biblioteca Pública Municipal de Sober, a presentación de Ou as dúas estaredes mortas, de Xosé Manuel Eyré.
Acompañando o autor, estará Paula Vázquez Verao, historiadora e libreira.
Publicado na colección Literaria, Ou as dúas estaredes mortas, de Xosé M. Eyré conta noventa e sete vidas en formato de miniconto. Este libro conta dúas vidas fragmentariamente, páxina a páxina, que poden ser unha, non diría que non, e poden ser tres, se as lectoras e lectores se deciden a lelo, ou aínda máis, porque o caos é pérfido mentres os receptores non lle dean forma.
Este libro tamén repite unhas cincuenta veces a palabra “ollo(s)”. Só as lectoras estarán en condicións de saber a razón.
Xosé M. Eyré (As Lamelas, A Laxe, Chantada, 1960). Lector incansable desde a nenez en Lugo, comezou a escribir crítica literaria en 1988 en A Nosa Terra, labor que continuou noutros medios. Hoxe, no blog Ferradura en Tránsito II, escribe crítica de libros galegos e tamén da lusofonía. Catedrático de Lingua e Literatura no Ensino Medio, en 1996 organiza e participa no libro de homenaxe a Avelino Gómez Ledo que publicou a Deputación de Lugo. En 1997 ven a luz dúas antoloxías da narrativa actual publicadas por A Nosa Terra e AN-PG, e en 2009 achegou os principios críticos da micronarratividade e escolmou os mellores minicontos internacionais e galegos, en Nin che conto. No eido da ficción, en 2005, apareceu en Editorial Galaxia Constelación de Ío. Descoñécese o motivo polo que é tan pouco dado a publicar.