Presentación de “O paso en falso”, en Vilalba

Categoría: Nova

O venres 12 de xaneiro, celebrarase, ás 20 h, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación de O paso en falso, de Abraham Pérez

Acompañando o autor, estará o filósofo e ensaísta Miguel Ángel Martínez Quintanar.

Organiza IESCHA e a Editorial Galaxia; coa colaboración do Concello de Vilalba e a Libraría Andel.

Publicado na colección Literaria, este libro sitúa a Manuel Bugallal como protagonista; unha especie de Ulises posmoderno que gravita con lixeireza entre tres cidades: Santiago de Compostela, Lugo e Madrid, na procura da composición do quebracabezas que supón a descuberta do mundo e a identidade.

O paso en falso pódese ler como unha novela de formación, inclusive de formación do artista; como unha novela política, existencial: un spleen cun sutil fío de humor que tenta retratar unha época e unha xeración devastada pola crise económica. Un burlesco xogo de máscaras, ou nada disto, talvez, que fai un retrato da Galicia contemporánea.

Abraham Pérez (Lugo, 1990) é autor dos poemarios Fragmento/Creba (Editorial Galaxia, 2020), unha teoría para os espectros (2º Premio no III Certame de Poesía Torre de Caldaloba) e O corpo transparente das horas (Editorial Galaxia, 2022); así como do ensaio Sacho de seda (2023). En 2021 acadou o Accésit no XXV Certame Francisco Añón de Poesía coa obra toxicidade; en 2022 foi elixido como un dos artistas para a Residencia Artística Mariñán, e foi finalista do XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega. Ten colaborado en revistas especializadas como Grial, Dorna: expresión poética galega, Luzes e Xistral, entre outras.

Parte da súa poesía foi traducida para o español e portugués; e, en breve, tamén o fará para o francés.

Comparte nas túas redes sociais ou por email