Xa están dispoñibles os primeiros capítulos de “Contrabiografía”

Categoría: Nova

Todas as persoas interesadas poden ler os primeiros dous capítulos de Contrabiografía, de Xabier López López.

Publicada na colección Literaria de Editorial Galaxia, esta é unha biografía á contra ou non. Un texto da estirpe dos híbridos, o motor desta obra é unha navegación río arriba, unha pescuda das orixes da memoria familiar, unha historia real con trazas de traxedia grega que busca e recrea pontes, rías, pasadizos e viaxes de ida e volta, do Golfo Ártabro a América.

Podedes ler os capítulos premendo aquí.

O libro chegará a finais de xaneiro a todas as librarías de Galicia.

Xabier López López (Bergondo, 1974) é autor dunha extensa obra narrativa que inclúe novelas como Doutor Deus (1999), A estraña estrela (2003), A vida que nos mata (Premio García Barros 2003), Trinta e dous dentes (2007), Ca­deas (2013), Olympia Ring, 1934 (2014) e 900 (Premio Torrente Ballester 2018), ás que e engaden o libro de relatos Os libros prestados (2010). No ámbito da literatura infanto-xuvenil, publicou, Biff, bang, pow! (1997), Cando Artur non era rei (2012) e O segredo da vella librería (2018), entre outras. En castelán, obtivo en 2018 o Premio Juan March Cencillo de novela breve con Max & Franz. As súas obras foron traducidas para o castelán, o portugués, o inglés, o árabe e o chinés, e recibiu diversas distincións, como o Premio Risco de Literatura Fantástica, o Xerais de novela, o Premio da Crítica Española e o Lueiro Rey de novela curta.

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email