O mércores 12 de xaneiro, celebrarase, ás 19 h, na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña, a presentación de O outro lado da música, a poesía, de Luísa Villalta.

No acto, estarán Susana Villalta, irmá da autora, o crítico literario e autor do limiar, Armando Requeixo, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

A Editorial Galaxia recupera este texto, que xa vira a luz no ano 1999, publicado na colección Ensaio. Un texto referencial da autora no que “nos diferentes capítulos deste douto e orixinal ensaio lévase a cabo unha relectura da historia da poesía galega procurando nesta a presenza substantiva da música, dende a Época Medieval ata as Irmandades da Fala e a época Nós”, asegura o crítico Armando Requeixo, no limiar. “Ler O outro lado da música, a poesía é un exercicio fundamental para mellor comprender tanto a poesía galega de todo tempo coma a propia escrita de Luísa Villalta, de principio a fin”, engade.

Villalta, música e poeta, aseguraba que a poesía para ela era “un modo de comprender o mundo e comprenderme eu mesma a comprender o mundo”, sendo “o comprender un estado de conciencia”, en definitiva, unha forma de ser e estar na vida. Neste volume achegámonos á Luísa poeta, pero tamén á especialista en música, que asumía que ambas as artes bebían a unha da outra.

Un libro fundamental do que o poeta e dramaturgo Lino Braxe dixo que “poucos ensaios hai tan acertados sobre a música e a poesía”.

Luísa Villalta (A Coruña 1957-2004) foi poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, filóloga e violinista. É autora dalgúns dos títulos esenciais da nosa poesía, como Música reservada.  Foi cilaboradora asidua da revista GRIALou a Festa da palabra silenciada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR