A Fundación Vicente Risco e a Editorial Galaxia asinan un convenio de colaboración

Categoría: Nova

Na tarde de onte, nas oficinas da Editorial Galaxia en Vigo a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira Porto, e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal Andión, asinaron un Convenio de Colaboración para, xuntas ambas as entidades, espallar, publicar, dar a coñecer e reimprimir a obra de Vicente Risco dentro das coleccións da editorial. Malia que era algo que xa se viña facendo dun xeito regular, publicar as obras do ilustre intelectural ourensán, con este convenio, ambas as institucións establecen un protocolo de traballo para que, dun xeito sistemático e coidado, a obra de Risco chegue ao conxunto da cidadanía galega. A Fundación Vicente Risco e Galaxia establecen así un marco de traballo que axudará a que os libros do autor de O porco de pé, e figura central da nosa historia cultural e literaria, estean presentes dun xeito constante nas librarías de todo o noso país.
Tanto Celia Pereira Porto como Antón Vidal Andión amosaron a súa satisfacción pola sinatura deste convenio. A Editorial Galaxia, histórica editora dos nosos clásicos, alicerza máis aínda así o seu compromiso coa nosa cultura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email