A ilustración da portada de As caras da miña choiva, de Kristina Saite, foi seleccionada na Exposición Internacional de Ilustración “Babalunga i Kamolongos”, organizada polo Festival do Libro Baba Kamo de Valencia.
O prestixioso xurado, formado por profesionais como Flávia Bomfim, ilustradora, comisaria, organizadora del FILEXPANDIDO – Festival de Ilustración y Literatura Expandido (Salvador – Bahia) e da Feira Ladeira de Artes Gráficas e Publicaciones *independientes, Nuria Enguita, directora do Institut Valencià d’Art Modern – IVAM, Eme Ribeiro, directora de Ó! galería (Portugal), e Elías Taño, artista gráfico e gañador de Baba Kamo 2020, escolleron a obra de Sabaite como unha das merecedoras a ser exposta en Valencia.
A mostra, que conta con artistas de todo o mundo, amosando un amplo abano de estilos, poéticas, técnicas e recursos expresivos, pódese visitar ata o 16 de xaneiro, no Centre del Carme de Cultura Contemporània.
Este é un recoñecemento máis que pon en valor o talento da ilustradora. A través da súa imaxinación e estilo, todas e todos os nenos, poderán ter máis claro cantos tipos de choiva hai. Neste fermoso libro, As caras da miña choiva, publicado na colección Álbum en formato vertical, viaxamos cunha neta moi curiosa que observa a natureza que hai ao seu redor.
Ilustradora e escritora de libros infantís, Kristina Sabaite, orixinaria de Lituania (1979). Viviu en Galicia entre 2005 – 2017 onde iniciou a súa carreira artística e coa que segue en bonita relación a través de literatura e a arte. Actualmente reside en Cataluña. As caras da miña choiva é o seu primeiro álbum ilustrado como autora integral, publicado pola editorial Galaxia. A mirada sensible, a empatía, o poético, a maxia cotiá e a infancia son os eixos principais da súa obras e ilustracións.
Na Editorial Galaxia ilustrou, na colección Árbore, libros como O misterio do torque de Burela, de Antía Yáñez, O caderno de Rosalía, de Maria Xesús Blanco López, Unha estrela para Amina, Premio ‘O facho’ de Teatro Infantil 2019, de Celia Díaz Núñez, ou De cando o Suso foi carteiro, de Xosé Neira Vilas.
Máis información en www.kristinasabaite.com