Presentación de “Monte pindo”, na Fervenza do Ézaro

Categoría: Nova

O domingo 16 de xaneiro, celebrarase, ás 11:30 h, na Fervenza do Ézaro, a presentación de Monte pindo. Historias e lendas do Olimpo Celta, de Laura Suárez.
Acompañando a autora, estarán o alcalde do Concello de Dumbría, José Manuel Pequeño, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
O Monte pindo é coñecido como o Olimpo Sagrado dos Celtas pola gran cantidade de lendas e historias que o rodean. Neste álbum, escrito e ilustrado por Laura Suárez, atopamos todas as claves para comprender cada un dos momentos do Pindo, dende como se formou ata como se desenvolveu a vida de Galicia nel. Este libro está ateigado desas lendas, das súas historias e os seus segredos… atesourando a maxia e o encanto dun dos montes máis especiais da nosa terra.
A autora, que falou con arqueólogos, xeólogos e historiadores para informarse, quixo representar no libro a importancia da conservación natural, dando a coñecer o monte ao que leva subindo dende cativa. A través da lectura, todas as persoas poderán coñecer máis de preto este xigante da natureza, descubríndoo por elas mesmas.

Cunhas ilustracións fabulosas, Suárez é quen de transmitir o coñecemento da nosa mitoloxía e universo mítico, dun xeito moi delicado e singular.

Laura Suárez naceu na Costa da Morte en 1994, entre Cee e Dumbría. Fascinada polos libros e o debuxo dende a infancia, graduouse en Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia. Despois mudouse a Barcelona, onde viviu varios anos e cursou un máster na escola Elisava, especializándose en Ilustración e Cómic. Sempre coma ilustradora, e ás veces tamén coma autora, publicou o seu traballo con editoriais coma Penguin Random House, Xerais e o Grupo Edelvives, entre outros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email