Hoxe celebrouse unha rolda de prensa arredor da III Edición da Escola de Letras, na sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo.
Participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, Victoria Alonso Méndez, deputada de Cultura e Igualdade, Paula Cabaleiro, directora de Cultura, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e o docente Antonio García Teijeiro, que compartiron, cos medios de comunicación, a boa nova dunha terceira edición da Escola de Letras, da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia.
A Escola, na que participan docentes como Inma López Silva, Anna Figueiredo, Elvira Ribeiro, Diego Giráldez ou Antonio García Teijeiro, abrirá mañá martes, ás oito da mañá, o prazo de matriculación para todas as persoas que desexen participar.
A través de varios obradoiros, que se estenderán ata o mes de outubro, os cinco coñecidos escritores ofrecerán información aos alumnos para aprender a escribir e desenvolver o seu propio estilo literario.
A escritora e docente Inma López Silva será a encargada de inaugurar esta terceira edición, cos seus obradoiros nas cidades de Vigo e Pontevedra. Comezará o día 8 de febreiro e, todas e todos os interesados poderán anotarse escribindo a:
escoladeletras@editorialgalaxia.gal
Cada unha das peticións formalizaranse por estrita orde de chegada. Os obradoiros constan de quince prazas cada un; haberá unha lista de agarda para cubrir posibles baixas de matriculados.
Este ano, como novidade, abrirase o prazo de inscrición para os vindeiros cursos durante o transcurso da edición.
Na rolda de hoxe, a presidenta quixo amosar a súa ledicia polo éxito da iniciativa; así como Antonio García Teijeiro sinalou a necesidade que todas as persoas teñen de escribir e conectar a través das letras.
Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia e da Escola de Letras, corroborou o éxito da mesma afirmando que “estamos a piques de publicar o segundo volume de Tes cinco minutos e publicaremos unha novela fantástica dunha das participantes na escola”.