O xoves 15 de setembro, celebrarase, ás 20 h, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, a presentación de O mundo e outras vésperas. Colaboracións en El Pueblo Gallego (1932-1936), de Álvaro Cunqueiro, en edición de Armando Requeixo.
Acompañando o editor, estarán Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, César Cunqueiro, fillo de Álvaro Cunqueiro, a profesora da USC e estudosa da obra de Cunqueiro, Arantxa Fuentes, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Na Editorial Galaxia publicamos, na colección Biblioteca Álvaro Cunqueiro, en edición do crítico literario Armando Requeixo, O mundo e outras vésperas. Colaboracións en ‘El Pueblo Gallego’ (1932-1936), do autor mindoniense.
Cultivador dos máis variados xéneros literarios, Cunqueiro, tivo como profesión a de xornalista. Como adianta o editor no limiar do libro, “a súa excelencia narrativa, poética e teatral arrastra de tal maneira a quen se achega ás súas páxinas que, con frecuencia, adoita esquecerse o maxisterio que sen dúbida exerceu no eido do periodismo literario. Cómpre, pois, reivindicar máis unha vez o papel decisivo que o autor mindoniense xogou no xornalismo galego e español do século XX, pois so así poderá comprenderse acaidamente a cabal complexidade e riqueza da súa figura e da súa obra”.
Toda unha declaración de intencións que pon en valor a reivindicación da produción aparecida en ‘El Pueblo Gallego’ entre 1932 e 1936; un momento fundamental para a configuración e comprensión da obra cunqueiriana como poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta, crítico e tradutor.
Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981) dedicouse desde moi novo á literatura e ao xornalismo. Coa súa mestría estilística, o seu libérrimo uso das convencións literarias e a súa capacidade de integración de diferentes tradicións culturais, Cunqueiro anovou fondamente a literatura galega. Da súa obra escrita en galego destacan títulos coma Merlín e familia, As crónicas do sochantre, Escola de menciñeiros, Don Hamlet e Herba aquí e acolá.
Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971), profesor e crítico literario, é autor de diversas monografía e edicións de autores galegos. Antólogo e tradutor, forma parte da AECL e mais da Sección Crítica da AELG, colabora en xornais e tamén en medios dixitais e mantén aberto o blog literario Criticalia.
Na Editorial Galaxia, publicou libros como Xosé María Díaz Castro. Vida e obra, ou a antoloxía poética de Manuel Leiras Pulpeiro, en colaboración con Xurxo Martínez González. É o responsable de editar O outro lado da música, a poesía, de Luísa Villalta.