Mamá Cabra e Pitusa Semifusa forman parte da lista de finalistas na novena edición dos Premios Martín Códax da Música, os máis prestixiosos da música galega.
Estes premios, promovidos pola Asociación de Músicas ao Vivo nacen coa intención dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego. Están divididos en 16 categorías e tres Premios Organistrum. Ademáis, entrégase tamén un Premio Honorífico á carreria dun músico galego.
Os gañadores daránse a coñecer durante a gala que terá lugar o próximo 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Os proxectos artísticos Mamá Cabra e Pitusa Semifusa foron distinguidos na categoría Infantil.
Mamá Cabra é un grupo de música infantil pioneiro na produción de espectáculos musicais pensados para o público infantil. A súa historia remóntase ao ano 2000, e partiu primeiramente de facer cancións para as clases de Educación musical de Gloria Mosquera, principal fundadora do grupo, que conta con músicos que tocan de todo: batería, percusión tradicional, frautas e gaita, baixo eléctrico, acordeón, guitarra eléctrica e voz.
Coñecidos polos nenos e nenas de toda Galicia pola forza do seu directo, no catálogo de Galaxia ofrécennos variados libro-discos que van levarnos a súa música coma goce delicioso por toda a casa, no coche… obras como a recente A fraga do meu avó, un traballo cheo de poesía, música, ilustrado por María Lires, que busca concienciar da problemática dos bosques autóctonos ou espazos naturais; ou Eu cociño, ti cociñas?, un libro delicioso cheo de receitas e de cancións para que os pequenos e as pequenas da casa nos deleiten cos mellores sabores.
Por outra banda, Pitusa Semifusa, de Olga Brañas, é un proxecto formado por obras como Pitusa Semifusa e os estilos musicais ou Pitusa Semifusa, un monllo de cancións protagonizadas por unha nena dese mesmo nome, neta dunha famosa directora de orquestra e que, logo de herdar dela un gramófono, sente curiosidade por coñecer todas as familias de instrumentos. Unha gran oportunidade na que coñecer máis en profundidade distintos estilos musicais. Pasando polo blues, o reggae, o funky, o swing, o hip hop… Non pararás de cantar e bailar!