O luns 19 de setembro, comeza, ás 19:00 h, o Obradoiro Literario con Anna Figueiredo: Escribir. Xéneros, técnicas, temáticas…, en Pontevedra.
Celebrarase os días 19 e 26 de setembro; 3, 10, 17 e 24 de outubro; 7 e 14 de novembro, en horario de 19:00 h a 21:00 h, no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación Provincial.
O tempo. Non temos tempo para nada. Nen para escribir. Por iso “O sabor das palabras” é un obradoiro no que en oito sesións, cada persoa participante será quen de escribir unha antoloxía de relatos propia de sete pezas, cada unha dun estilo literario distinto.
Porque somos escritoras e escritores grazas ao feito de porfiar e de ollar o mundo desde unha perspectiva diferente, a da narración, a da cultura, a da palabra.
Oito luns, sete relatos e toda a vida para seguir contando.
A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia é a primeira de Galicia e un dos poucos proxectos deste tipo existentes no Estado español. A iniciativa, que naceu o pasado ano 2020, busca fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun variado abano de obradoiros, de novela, relato ou poesía, para todas as idades.