A Editorial Galaxia publica De rosa antiga, de Helena Villar Janeiro.

A meu pai, que me deu unhas alas.

A miña nai, que me elevou os pés para alpeirar.

Así comeza adicando a autora a súa obra máis persoal. Celebrando as súas vodas de ouro coa poesía, a escritora Villar Janeiro festexa o seu amor pola palabra co libro De rosa antiga. Unha escolma que recolle a súa obra dende 1972 ata 2022. Velaquí unha mostra significativa do que leva dado de si un talento que se iniciou hai cincuenta anos.

Participou no Colectivo Cravo Fondo (1979), cando as mulleres non interviñan nestas experiencias comunitarias, escribindo un dos primeiro poemas eróticos. Da voz intimista do inicio, a súa obra evolucionou cara a novas temáticas e ritmos, desde a poesía mínima dos inicios, que culminou nos haikus, ata contidos de carácter social ao redor das perspectivas feminista, ecoloxista e solidaria coa dor de todos os exilios.

Este libro recopila a súa evolución como poeta e as claves principais do seu universo creativo.

Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid. Cultivou a poesía e a narración, con atención particular á literatura infantil e xuvenil. Presidiu a Fundación Rosalía de Castro, foi secretaria do Pen Club de Galicia e formou parte do Plenario do Consello da Cultura Galega. É socia de Honra de Gálix (2015) e da AELG, de quen recibiu o E de escritora (2016), e académica correspondente da Real Academia Galega desde 2017. Recibiu, entre outros, os premios de poesía, Xosé Mª Chao Ledo (1990), Eusebio Lorenzo Baleirón (1992), Xacobeo (1994), o accésit do M. González Garcés (1994) e Arume de Poesía Infantil (2003).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR